Comezamos 21 días en galego!




Este luns 27 de xaneiro comezou a campaña "21 días en galego" no cole implicámonos totalmente nela, pois cremos que esta campaña de promoción do uso da lingua galega é moi necesaria debido a falta de competencia oral e escrita que o profesorado está a constatar no noso alumnado por causa do dramático abandono do noso idioma que estamos a vivir. Para os nosos rapaces/rapazas, o galego é case unha lingua estranxeira na que non posúen fluidez e realizan aberrantes traducións do castelán na súa expresión oral e escrita.




Esta campaña de promoción da nosa lingua que leva a cabo o Concello de Moaña en colaboración cos centros de ensino durará ata o domingo 16 de febreiro.

Algunhas das vantaxes que nos aportará o participar nesta campaña son:

·         Conseguir fluidez na súa expresión oral e así obter mellores resultados nas probas que requiran observar esta competencia (exposicións, exames orais…).
·         Mellorar a súa competencia escrita, eliminando paulatinamente os castelanismos polos que son penalizados nas probas que requiran esta competencia (exames, redaccións…).
·         Está demostrado cientificamente que as persoas que dominan máis linguas teñen máis facilidade para adquirir outros idiomas.
·         A través do galego resulta doado o achegamento ao portugués, o que pode repercutir en beneficios laborais xa que o portugués é a sétima lingua máis falada do mundo (máis de dous centos millóns de persoas).
·         E, por suposto, como seres humanos preocupados pola cultura, reverter este abandono paulatino do noso idioma que podería levar ao seu esmorecemento. E, como galegos, non deixaremos morrer a nosa lingua; fomentarémola para que volva a ter a vitalidade que noutros tempos tivo.







Finalmente, non queremos deixar de mencionar que o EDNL e o Claustro está abraiado e orgulloso pola cantidade de alumnos e alumnas que, voluntariamente, inscribíronse nos “21 días en galego”.

Sen máis, agradecemos de antemán a todos e todas que vaian participar na nosa campaña e agardamos que resulte unha actividade normalizadora e enriquecedora. 


O Equipo de Dinamización da lingua Galega
 do CEIP de Abelendo




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Festa dos 21 días en galego!

LETRAS GALEGAS 2108

Grava un vídeo recitando un texto de Carvalho Calero